|
TRABALLO
REALIZADO POLOS ALUMNOS E ALUMNAS DE 1º DA ESO NA MATERIA DE PROXECTO
INTERDISCIPLINAR
Aquí vos presentamos o noso traballo
realizado na clase de Proxecto Interdisciplinar, que trata o tema da
alimentación sa. Os alumnos e alumnas de 1º A e 1º B da Eso do IES da Terra Chá
"José Trapero Pardo" concluímos a nosa tarefa coa exposición dunha cartolinas
onde amosamos o noso interese por coñecer todos os aspectos realacionados cos
alimentos que inxerimos.
Para que a alimentación sexa equilibrada convén
consumir, cada día, produtos de diferentes grupos alimenticios. Para isto é
necesario coñecer a roda da
alimentación, que inclúe aqueles alimentos que deben estar sempre
presentes na nosa dieta; contén, ademais, un código de cores que nos axuda a
recoñecer de maneira sinxela e amena cales son os nutrientes máis destacables
de cada grupo de alimentos e a función que ditos nutrientes desempeñan no noso
organismo. Dentro da roda podemos atopar os seguintes grupos:
-Grupo I: Leite e derivados
-Grupo II: Carnes, peixes e ovos
-Grupo III: Legumes, froitos secos e
patacas
-Grupo IV: Hortalizas e verduras
-Grupo V: Froitas
-Grpo VI: Cereais, azucres e derivados
-Grupo VII: Graxas e aceites
Na roda da alimentación temos alimentos con
función plástica (leite, carne e peixe), con función enerxética (aceites,
cereais...), aqueles que xogan un papel regulador (froitas e verduras) e outros
con función múltiple (patacas, legumes e froitos secos).
Ademais de estudar os tipos de alimentos
segundo a súa orixe, a súa función (reguladores, enerxéticos e plásticos) e
segundo a súa composición (lípidos, glícidos, proteínas ou prótidos, vitaminas,
sales minerais, elementos e auga), intentamos elaborar unha dieta ideal que
proporcione enerxía suficiente e que conteña proteínas (15%), graxas (30-40 %)
e hidratos de carbono (50-60%).
A dieta galega ten as características da que
se coñece como "dieta atlántica" cun consumo elevado de peixe (branco e azul),
marisco, carne, legumes e hortalizas, patacas, pan, aceite, viño e froita
abundante. Descubrimos que Galiza é a comunidade española con maior consumo de
produtos lácteos (113
litros por habitante ao ano), verdura, peixe e cereais,
e o país atlántico con maior consumo de froita. Mais tamén cómpre ter en conta
que a dieta galega actual ten un exceso de sal e graxas saturadas co
conseguinte risco de desenvolver problemas cardiovasculares e hipertensión.
Despois de todo o proceso de traballo
realizado na materia de Proxecto Interdisciplinar chegamos á conclusión de que
debemos elaborar unha dieta axeitada e equilibrada para facer fronte ás
necesidades enerxéticas e de construción e funcionamento do organismo e manter
unha boa saúde. Por todo isto comprometémonos a consumir diariamente alimentos
sans.
|