Abr 05 2008
Acabouse “O neno co pixama de raias”
Non sei se vós estades de acordo, pero a min sempre me pasa o mesmo. Cando remato a lectura dun libro que me agrada, quédame un pouco de pena. Algo así coma cando se acaba un pastel moi sabroso e despois queda un ollando para o prato baleiro. Non sei se me explico.
En verdade, que esta obra foi do meu agrado, a pesares de que estou un pouco enfadada co tradutor ou co corrector, ou cos dous á vez, porque fallaron un pouco na sintaxe. Polo demais gostei moito da maneira en que o autor suavizou a crudeza da historia con pequenas pinceladas de humor. Cristina dixo que a obra lle recordara a película de La vida es bella e eu estou totalmente de acordo; o ton narrativo é semellante: ámbalas dúas son historias que nos fan sentir toda a dor que provocou o nazismo sen necesidade de recrearse nas escenas máis duras da realidade.
Teresa Reboiro mencionou que lle chamou a atención a maneira en que o autor foi capaz de contar as cousas desde a perspectiva dun neno de nove anos, unha perspectiva inocente e allea á verdadeira situación na que desenrolan os feitos, feitos que neste caso teñen a particularidade de que tamén os que foron verdugos sufriron os horrores dunha situación que nunca debera ter sucedido. Digamos que probaron da súa propia medicina.
Falando de outra cousa e como non todo vai ser serio e formal, aquí vos deixo algúns enlaces que vos poden axudar a botar unhas risas.
http://www.psicoactiva.com/curios.htm